Hai catro anos comezamos a investigar e compartir unha historia que callou fondo na nosa cooperativa: a do Ferrol Rebelde. A cidade que nos acolle como entidade nunca tivera tanta cor, tanta vida, tanta forza, como cando abrimos unha porta ao seu pasado recente, á historia obreira que vai desde finais do XIX até finais do XX —e moito máis alá.

 

 

Con ese relato conmovedor e significativo e o apoio do Concello de Ferrol deseñamos uns roteiros, paseos por puntos esquecidos da cidade, no seu día protagonistas e centrais. Pero quixemos máis. Máis voces, máis públicos, máis nomes. Así que no 2018, e de novo co apoio do Concello, contactamos coa cooperativa Numax para seguir divulgando esta historia a través do audiovisual.

Foi así como naceu o documental “Ferrol Rebelde. Cen anos de historia obreira”, unha peza coa que dar conta dos roteiros, ao tempo que seguir espallando este relato, e honrar o labor de todas as persoas que traballan pola recuperación da memoria histórica na cidade. En novembro do 2018 un Teatro Jofre cheo acollía a presentación do documental coa gala “Ferrol Rebelde. Dereito a coñecer, deber de recordar”, na que tamén estiveron presentes os discursos, a música, a poesía.

Agora a peza pode verse en aberto, clicando no vídeo que encabeza a nova ou aquí.

Pero esta travesía rebelde non remata aquí. Seguiremos traballando para dar a coñecer esta historia esquecida, e convidamos a todos os colectivos, centros cívicos, ou centros de ensino con interese a proxectar o documental nos seus espazos. Abonda con comunicarnos o evento, para que poidamos seguir os pasiños deste proxecto e compartilos co mundo.

Longa vida ao Ferrol da rebeldía!

Ver tamén: “Festexamos o Ferrol máis rebelde”