Coas xornadas “Malas Linguas: activando falantes no S.XXI” quixemos contribuír á reflexión sobre como facer políticas de normalización lingüística hoxe. O exterminio lingüístico avanza e con el avanzan as dificultades
para recuperarmos a lingua. Neste contexto, é importante fortalecermos o argumentario en defensa do galego,
así como alimentarmos o clima de ilusión e a motivación das persoas que traballan neste ámbito, rematar
«cos anos da peste» (Suso Acevedo).

A nosa «mala lingua», a lingua secularmente excluída, posúe as mellores calidades para ser a lingua das causas xustas. As diferentes opresións dialogan entre si. Abrírmonos á oprimida, á ferida, ao marcado. O galego posúe un maior potencial inclusivo (Olga Castro). Esta lingua de ferro transfórmase nunha lingua feminista, nunha lingua antirracista, nunha lingua ecoloxista, nunha lingua de ouro. Fagamos que así sexa.

Cómpre visibilizarmos as violencias contra o galego. Aquelas tan comúns, tan profundas que non damos nin detectado. Nomealas para que existan. Sensibilizar como quen pon as lentes lilás. Precisamos unhas lentes azuis e brancas para nos previren das microagresións cotiás: «Le habláis gallego? Eres demasiado gallego. Hablas ese gallego de la teuvegá. Que acento del monte! Café con leite. Con leche? Sois gallegos? Las lenguas son para entenderse».

Unhas raíces do odio que se remontan a 1936. Cando se impuxo o terror e a galegofobia se espallou de maneira masiva e capilar en todo o territorio. Unha «catástrofe social» que provocou un «trauma psicosocial» (Marcos Abalde) que aínda perdura. Esta ferida é unha das principais causas da ruptura
da transmisión intrafamiliar da lingua. Indagamos na escola: a da República, a do franquismo, mais tamén a da Autonomía.

É duro constatarmos como esta continúa a reproducir un perverso currículo oculto, que reforza os prexuízos contra o idioma propio e mesmo lexitima as condutas de acoso (Miguel Carnota). Reflexionamos sobre todo isto e, ao mesmo tempo, partillamos proxectos reparadores, ideas inspiradoras, entusiasmo militante. Osíxeno para a nosa lingua (Bernadette O’Rourke): as Escolas Semente ou os 21 días en galego. O deseño de políticas públicas que procuran reverter unha situación de desigualdade son verdadeiramente complexas.

Os equipos interdisciplinarios resultan imprescindibles: sociólogas, psicólogas, politólogas, filólogas, xornalistas,
historiadoras, activistas, etc. A diversidade destes ollares pode activar falantes no S.XXI.

Olalla Barro
Comisaria das xornadas Malas Linguas

Prólogo da publicación “Malas Linguas”. Ve o documento completo aquí.