Primeiro Foro Aberto sobre diversidade
O pasado 29 de novembro participamos das VI Xornadas de Igualdade organizadas pola ANPA do CEIP Paraixal do barrio de Teis, en Vigo.
Foi un día especial para nós. Unha honra colaborar cunha comunidade educativa comprometida na busca e promoción da transformación social. Un pracer seguir a tramar redes coa nosa amiga e compañeira María Rosendo no empeño de traer á Galiza a ferramentas da facilitación de grupos. Unha oportunidade emocionante facilitar o noso primeiro Foro Aberto desde a perspectiva do Traballo de Procesos.
O obxectivo destas dúas horas que pasamos xuntas era triple:
1. Coñecer e experimentar esta metodoloxía para o diálogo social.
2. Explorar e entender mellor como o grupo, e as persoas que o compoñen, se relaciona coa diversidade.
3. Crear un espazo de encontro de calidade no que posibilitar a conexión e reforzar os vínculos na comunidade educativa.
Baixo o título “Como nos relacionamos coa diversidade?”, arredor de 30 persoas afondaron colectivamente nestes tres obxectivos. Dispuxemos o grupo en círculo e empregamos catro titulares ou portas de entrada desde as que se foron expresando a diversidade de voces en torno a este tema: “Gústame relacionarme coa diversidade”, “Non sei como facelo”, “Non sinto acollida a miña diversidade” e “Non me interesa”.
Foi emocionante acompañar este proceso: ver como aumentaba a confianza, a atmosfera do grupo mudaba e era mais fácil expresar voces difíciles e compartir experiencias e ideas máis persoais. Recoñecernos a nós mesma en posicións incómodas de ocupar e entender o que a súa expresión pode achegar ao conxunto. Sentirnos escoitadas polas demais persoas e acollidas na nosa propia diversidade.
“Que vos levades deste espazo?”, foi a pregunta coa que pechamos a sesión: “lévome diferentes opinións que me fixeron reflexionar”, “levo aprendizaxes e moitas preguntas”; “diversidade de voces e enerxía”.
Nós levamos moitas ganas de repetir a experiencia. Fica aquí o convite a explorar as posibilidades desta ferramenta connosco.