No mes de outubro deste 2019 que remata comezou a camiñar a sétima edición galega do Curso Básico de Xestión e Facilitación de Grupos acreditado polo IIface. Por primeira vez, organizamos desde Rexenerando unha formación que para nós foi e é fundamental a nivel profesional e persoal. Unha formación pola que apostamos, convencidas do seu potencial transformador. Desexamos que as habilidades e ferramentas que pon ao noso dispor continúen a se espallar polo noso territorio: penetrando nos espazos colectivos, nutrindo as organizacións, facendo máis fácil o difícil, permitíndonos medrar a nivel individual, grupal e social e creando novas culturas relacionais máis xustas e sostibles.

É por isto que estamos especialmente orgullosas de que este proxecto vaia adiante en Compostela, con prazas esgotadas nesta edición. Agradecemos a César Fernández, coordinador do curso, así como a todas as persoas participantes a súa confianza.

Como mostra desta alegría, compartimos as reflexións dunha delas durante o segundo módulo celebrado neste mes de decembro sobre o que está a supor para ela esta formación:

Estamos creando un mundo novo. Esta profundidade nas relacións humanas é algo novo que se está a desvelar e experimentar agora.

Galiza camiña lento mais camiña forte. E aquí estamos, unha banda de galos e galas, creando resiliencia; aprendendo desde a vulnerabilidade e remando xuntas, como podemos.

Ter unha formación así na Galiza, na nosa lingua, é un privilexio. Rexenéranos como persoas, como grupo, como pobo. Únenos o mito, únenos a terra.

Marta P.
Compostela, 8 de decembro de 2019