2020 con Carvalho Calero
O 2020 que comeza pode ser o ano de moitas cousas. Pero o que vai ser seguro é o ano de Carvalho Calero.
Despois de anos reclamando o seu recoñecemento, este ano adícaselle o Día das Letras Galegas un dos intelectuais máis destacados do século XX. Este fillo predilecto de Ferrol destacou como intelectual, ensaísta, poeta, dramaturgo, ou activista. Foi o redactor do Anteproxecto de Estatuto de Galiza, e fundador do Partido Galeguista. Autor do primeiro romance escrito en galego despois da guerra, membro da RAG, primeiro director do Colexio Fingoi –cun proxecto pedagóxico galeguista e innovador, pai do reintegracionismo, primeiro catedrático da USC de lingua e literatura galega, autor da gramática galega máis popular e dunha monumental historia da literatura galega.
As súas vivencias históricas, tamén as asociadas á Guerra Civil, permítennos coñecer a través da súa figura boa parte dos acontecementos sociais e culturais máis relevantes do século XX.
Por iso, desde Rexenerando queremos sumarnos á homenaxe coa nosa propia proposta de actividades, dirixidas a centros de ensino, colectivos e outras entidades. Contamos co roteiro “Ferrol con Carvalho Calero”, un paseo dirixido a grupos de Educación Secundaria e público xeral, no que percorrer 80 anos de historia da cidade, co que visibilizar a cerna galeguista de Ferrol e achegarnos á traxectoria deste ilustre veciño. Ademais, contamos cun obradoiro para Educación Primaria, “Ricardo: do neno ao Mestre”, e outro para Educación Secundaria e persoas adultas “Carvalho Calero: un espazo, un tempo, un creador”. Neles, afondaremos na figura e os valores de Carvalho Calero dun xeito ameno e significativo.
Máis información e reservas en info@rexenerando.com , ou no 698 157 414.