Aprendendo facilitación gráfica
Para quen pode, estas semanas de confinamento poden ser unha oportunidade para dedicarlle tempo ao que nos presta, darlle espazo á creatividade, e seguir adquirindo ferramentas para o traballo en colectivo.
Nós collemos papel e cores e retomamos algunhas das ensinanzas de facilitación gráfica que adquirimos nun curso ben proveitoso con Melania Bigi e Sergi Barrientos, organizado a finais do 2017 polo colectivo 4espazos. Nel, aprendemos que a facilitación gráfica (ou facilitación visual, cando e empregamos para traballar con colectivos) é unha ferramenta poderosa, que permite levar a beleza aos espazos grupais, darlle cabida a outras formas de coñecemento e ás intelixencias múltiples, ou apoiar a comprensión e favorecer que todas as persoas nun grupo estean entendo o mesmo.
Seguir formándonos en facilitación gráfica non é doado. Moitos dos referentes que atopamos na rede veñen do ámbito empresarial e do coaching, dos cales podemos tomar algúns recursos valiosos, pero outros non se adaptan aos nosos contextos, lóxicas, ou éticas. Por iso, creamos un documento colaborativo xunto con outros dous compañeiros, @Martín Leña e @Muqi Applessed, no que reunir referentes inspiradores de facilitación gráfica. O obxectivo: adestrar a man, aprender ferramentas que logo poder empregar nos nosos espazos, e adaptar algunhas das iconas máis empregadas para facelas respectuosas coa diversidade.
O documento está aberto para a consulta, a partilla, e para engrosalo colectivamente con todos aqueles recursos que a outras vos resultaran inspiradores. Con el, poderemos xerar un banco de recursos que apoie os nosos procesos de autoformación, e nos permita levarlle toda a cor e a beleza aos nosos colectivos unha vez que nos poidamos volver atopar.