Etnografía dos coidados para tempos de pandemia
O confinamento puxo con máis forza de manifesto unha verdade que os feminismos levan anos proclamando: aínda que o capitalismo e o patriarcado se empeñen en invisibilizalo, os coidados son centrais para a vida. Quen coida? Que fai e como? Como viven esta situación as persoas (mulleres) coidadoras? Como se transformou ao longo do tempo esta realidade? Que pasaba antes e que pasa agora coas persoas maiores? Como respondían as comunidades a unha situación de crise, un accidente, unha desgraza? Pódense organizar os coidados doutro xeito a nivel social? Como facemos para que a vida estea colocada no centro no agora e no porvir?
Son moitos os interrogantes que se abren nun tempo de crise ecosocial e dos coidados. Deles, e da vontade de romper o illamento que agora -máis ca nunca- están vivendo as nosas maiores, nace o proxecto “Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia”. Unha iniciativa que estaremos desenvolvendo este outono coa Concellería de Servizos Sociais do Concello de Bergondo, e que nos está permitindo aprender coas historias de vida de seis veciñas da zona.
Armámonos con todas as medidas de hixiene e seguridade, e saímos a preguntar. Fronte a unha etnografía que se centra só no produtivo, partimos de que as vidas destas mulleres, os seus saberes, as súas reflexións, as súas traxectorias, teñen valor. Porque visibilizan unha realidade da que somos fillas e netas, na que a vida é sostida en silencio por mulleres dentro de cada fogar. Porque nos dan claves para construír un presente e un futuro xusto para todas as vidas, que recoñeza a vulnerabilidade e a interdependencia das persoas, respectuoso co medio, centrado no que realmente importan, que manteña a vida en lugar de destruíla.
Os resultados deste proceso serán compartidos e enriquecidos no encontro virtual aberto “Coidatopías”, e nun Fotolibro dos Coidados que recollerá os testemuños das seis veciñas participantes e algunhas das reflexións que foran xurdindo ao longo destes meses. Nesta viaxe acompañarannos Nadina Bértolo, no deseño gráfico, e Charo Lopes, retratando ás mulleres que nos abren as portas das súas casas e do seu recordo.
Seguiremos informando!
*Nota: a imaxe que encabeza esta nova é da autoría de Charo Lopes. Forma parte dunha das series de retratos feministas do seu proxecto Uma Qualquer.