O outono é tempo de repregarse, de quecer a casa e a mente. Outubro e novembro chegan a Rexenerando con varios espazos para a reflexión e a imaxinación sobre participación e xénero, coidados, ou lingua.  Encontros sobre temas que importan, todos eles virtuais para facer fácil a participación en tempos difíciles.

 

Os vindeiros xoves 15 e 22 de outubro terán lugar as xornadas “Introducir a perspectiva de xénero na participación”, dúas sesións enmarcadas na Escola de Participación de Narón, do Concello de Narón. Nelas, reflexionaremos conxuntamente sobre como facer unha participación cidadá realmente inclusiva con todas as realidades, especialmente coas mulleres. Está dirixidas ao tecido asociativo de Narón, profesionais das políticas públicas, e persoas interesadas en xeral. Na primeira das xornadas, contaremos coa presenza de Col·lectiu Punt 6, o colectivo catalán de urbanismo feminista, e Beatriz López, politóloga e socia de Arabías. Na segunda, acompañarannos Mireia Espiau, Xefa do Servizo de Igualdade do Concello de Gasteiz, e Natalia Paleo, experta en políticas municipais de xénero. Toda a información está no evento de Facebook. As inscricións están xa abertas, pódense facer a través deste formulario (https://cutt.ly/xf4za8b) ou escribindo a escolaparticipacion@naron.es. Toda a información está no evento de Facebook.

 

Avanza o mes con “Coidatopías”, un encontro virtual participativo no que explorar o tema dos coidados nas nosas vidas, e imaxinar colectivamente un futuro xusto e desexable arredor deste tema. Empregaremos metodoloxías innovadoras nas que xogar co concepto de utopía, como unha ferramenta de transformación e activación social. “Coidatopías” forma parte de “Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia”, un proxecto do Concello de Bergondo que conta con varias fases de execución. Na primeira delas, entrevistamos a oito veciñas maiores do municipio a respecto do tema dos coidados. Os resultados destas entrevistas, así coma do encontro virtual, formarán parte dunha publicación que presentaremos a finais de novembro en Bergondo, e que estará dispoñible en formato dixital para a súa libre consulta. A actividade conta tamén co seu propio evento en Facebook, onde atopar toda a información. As inscricións están abertas até o vindeiro 19 de outubro, e poden facerse escribindo a info@rexenerando.com.

 

En novembro volve “Malas linguas. Activando falantes no século XXI”, as xornadas de lingua que xa coordinamos no 2019 para a Deputación da Coruña. Nesta edición, as relatoras compartirán boas prácticas para as linguas minorizadas do Estado, e falarán sobre revitalización lingüística en linguas ameazadas. Presentaremos nas próximas semanas o programa completo e as datas.

 

*Nota: a imaxe que ilustra esta nova é parte dunha obra da artista galega Iria Fafián