Entre outubro e decembro do 2020 desenvolvemos unha nova edición do programa coeducativo “Medrando en igualdade” para o CEIP Couceiro Freijomil de Pontedeume, unha actividade impulsada pola ANPA do centro e financiada pola Xunta de Galicia. O broche desa acción foi a elaboración e deseño dunha guía de recursos non sexistas dirixida a profesorado e familias, coa que apoiar a difícil de tarefa de acompañar ás crianzas desde unha mirada coeducativa, inclusiva, e libre de estereotipos de xénero. 

Ao longo desta guía tratamos de despexar algunhas dúbidas a respecto do concepto de escola coeducativa, achegando referentes diversos para a educación en igualdade de dereitos e oportunidades de nenas e nenos; pero tratando sobre todo de motivar máis preguntas, tales como: Estou a educar en igualdade? Que contos debo contar? Como debo contalos? Esta serie de debuxos é axeitada? Que valores estamos a transmitir con este xogo? E que pasa co patio?

Só afacéndonos á constancia destes interrogantes desenvolveremos unha auténtica mirada coeducativa; aquela que é crítica cos espazos de xogo, que presta atención á  linguaxe empregada e que analiza os recursos educativos dende unha perspectiva de xénero, co obxectivo de rachar cos estereotipos e a reprodución da desigualdade.  

A guía está xa dispoñible na nosa webCompleméntase cunha vídeo-presentación explicativa que podedes visitar na nosa canle de Youtube