Un roteiro, un documental, un mapa. 

Son moitos os soportes e canles desde onde se pode comunicar o valor da historia obreira de Ferrol; moitos os mecanismos para seguir fomentando o diálogo social arredor dunha cuestión tan central na identidade da cidade. Nesta ocasión escollemos o camiño da cartografía, un elemento visual, asociado ao coñecemento das cidades desde o lecer e a descuberta, capaz de contar historias para públicos moi diversos. 

O vindeiro luns 8 de novembro presentamos no Ateneo Ferrolán o proxecto “Ferrol Rebelde. Mapa da historia obreira”. Un elemento para a divulgación e dignificación deste relato, no que se identifiquen espazos emblemáticos para a loita obreira (fitos da contestación social, a represión, etc), a cultura obreira (locais relacionados coa discusión, a aprendizaxe, o activismo, o lecer,… P.e., ateneos obreiros, sindicatos, escolas obreiras, tertulias, etc.), a vida cotiá (espazos e memorias do día a día. P.e., o lugar onde se comía, unha taberna relevante, etc.) e os memoriais (elementos nos que queda constancia hoxe do pasado obreiro da cidade. P.e. un centro social actual, un monumento, etc). O marco temporal escollido son os cen anos que van desde 1875 até 1975.  

O proceso de investigación para o mapeo dos lugares consta dunha parte documental e de  entrevistas con expertas, tanto investigadoras do tema como persoas vinculadas co mundo obreiro e sindicalista en primeira persoa. Ademais, busca poñer en valor os recordos e vivencias de calquera persoa con coñecementos sobre este tema, polo que se habilitou unha ferramenta para a participación aberta do tecido asociativo e o conxunto da cidadanía. Trátase dun formulario onde calquera persoa interesada pode compartir informacións básicas sobre un punto da cidade que lle pareza relevante para contar a historia obreira da cidade. 

Aquí pódese acceder e responder o formulario. O prazo para facer achegas remata o 23 de novembro. 

O proceso chegará ao seu fin a finais de decembro, cando se presentará o mapa resultante deste proceso de investigación cun acto público.