Os proxectos cooperativos medramos contra vento e marea, e en Rexenerando queremos ampliar o noso equipo neste 2022. Buscamos unha persoa implicada,  que complemente os nosos saberes, que comparta a nosa mirada, da que poder aprender e coa que reforzar a nosa organización a medio prazo.

O perfil profesional e académico que precisamos é o dunha técnica/o de proxectos, titulada en ciencias sociais (socioloxía, políticas, educación social ou afíns) e experiencia na coordinación, deseño e desenvolvemento de políticas públicas, proxectos, socio-educativos e procesos participativos.

A transversalidade do principio de igualdade é moi importante nos nosos traballos polo que contar con formación regrada en igualdade de xénero e perspectiva feminista é fundamental. Polo tipo de proxectos a desenvolver, valoraremos tamén a formación e experiencia en xestión de grupos e participación cidadá. Todos os detalles do perfil e condicións están explicados no pdf anexo á nova.

Se pensas que podes encaixar no noso equipo, fainos chegar a túa candidatura por medio do seguinte formulario. A data límite para a recepción de candidaturas é o mércores 23 de marzo ás 14:00 h (importante: só analizaremos as candidaturas que cheguen a través deste enlace, non enviedes directamente o CV ao noso correo electrónico). Tras unha primeira fase de valoración de curriculum, contactaremos con aquelas persoas que pasarán á entrevista persoal.

Grazas de antemán por ler a información con vagar, compartir, e apoiarnos para dar este pasiño máis no noso camiño cooperativo!

Oferta de emprego Rexenerando 2022