A semente botou o seu tempo na terra, e agora comeza a se ver a plantiña. Neste ano 2022 volveremos ter a oportunidade de desfrutar do Curso Medio de Facilitación de Grupos do IIFACe en Galiza. É a terceira edición no noso territorio, nesta ocasión baixo a coordinación de César Fernández e Anna Pujol, que tamén serán docentes da formación. Dará comezo en novembro de 2022 e finalizará en xuño de 2023. Celebrarase de maneira presencial en Santiago de Compostela en oito módulos de fin de semana, e o custe total da súa matrícula é de 1200 €.

O obxectivo deste curso é ofrecer un espazo no que afondar e poñer en práctica as habilidades, técnicas e ferramentas básicas para a facilitación de procesos grupais. A través da experimentación co propio grupo, as persoas participantes terán a oportunidade de co-facilitar con supervisión das formadoras do curso, identificando os seus estilos persoais e puntos fortes e aquelas dimensións nas que seguir a traballar para ocupar con maior consiencia e solvencia o rol de facilitadora. 

O Curso Medio apóiase nunha técnica coñecida como CAO (Classroom as Organization, a clase como unha organización). Nela, o propio grupo de aprendizaxe considérase un grupo cuasi-real coa sua propia visión e obxectivos a desenvolver ao longo do curso. Os primeiros módulos desenvolveranse en base a unha axenda pechada de contidos, na que as persoas participantes practicarán a facilitación nos catro espazos grupais (indagación, xestión emocional, conexión e toma de decisións). Conforme o grupo vaia gañando madurez e apoderamento, tamén gaña autonomía para desenvolver o seu propio itinerario de contidos en función das súas necesidades e intereses.

Esta formación forma parte do curriculum definido polo IIFACe como un proceso de tres anos. Dá continuidade ao Curso Básico e complétase co Curso Avanzado, un proceso de intervención e supervisión individual mentorizado.

O mundo e os retos do futuro precisan de mellores procesos grupais que atendan a complexidade e diversidade. Aló imos!

DOSSIER CURSO MEDIO 22