No tempo da sega baixamos o ritmo. Toca reducir as intervencións, avaliar e arquivar proxectos; arrombar cara adentro e ventilar, preparándonos para seguir a abrir outros nun novo outono cargado de retos. É, á vez, momento de desconexión dixital e descanso analóxico; de natureza, sol e festexos en comunidade; de baños en augas doces e salgadas; de darnos permiso para parar nun mundo no que ter tempo para nós mesmas é un privilexio.

Este ritual cíclico foi, desta volta, especial. Tras dous anos atravesados polo impacto da COVID-19, dunha escala e profundidade que aínda non chegamos a albiscar, chegamos ao noso oitavo aniversario pechando e abrindo ciclos. Neste mes de xullo celebramos as nosas orixes, as nosas socias fundadoras, e demos a benvida ás incorporacións máis recentes. Celebramos este proxecto de vida, froita madura, co que buscamos dignificar as nosas condicións de vida e para a vida, ao tempo que apoiamos a transformación social do mundo e das relacións que habitamos.

É importante para nós honrar a diversidade e as achegas únicas que cada persoa trae a esta equipa. Ningún texto vai estar á altura do agradecemento que temos dentro, mais pídenos o corpo verbalizalo dalgún xeito:

Obrigadas Olalla e Marcos por ser terra e auga; por sementar soños e dignidade na terra fértil e rebelde de Ferrol.

Obrigadas Mané e Olga, por devir toro e pólas que medran, resistindo rexas as treboadas.

Obrigadas Martín, por ser zume fresco cheo de enerxía nutricia.

E obrigadas Paola, por ser futuro, xema verde e folla nova.

Con este agradecemento no peito, paramos dende a necesidade e a consciencia. Volvemos nuns días para continuar xuntas o camiño.

Vémonos!

 

(A foto é un primeiro petisco dunha gorentosa sesión con Charo Lopes, compañeira sempre)