Cociñando A Coruña Desviada
Neste inverno frío hai proxectos no forno que nos aquecen o corpo. Un deles é este.
O martes 19 de decembro ás 18h celebraremos na Coruña un adianto de A Coruña Desviada, o paseo pola memoria das disidencias sexuais financiado pola Deputación da Coruña, que amasamos da man da nosa benquerida Daniela Ferrández.
Tras a emocionante experiencia do Ferrol Desviado hai uns meses, estamos traballando para ampliar esta liña dos Paseos Desviados de cara ao 2024. Pero antes, como peche do ano, gustaríanos abrirvos as portas ao proceso de cocción deste roteiro, compartíndovos o prototipo da ruta e recollendo impresións e achegas con esta primeira fornada de participantes.
De Elisa e Marcela á organización das disidencias na democracia, iremos percorrendo a cidade en nove paradas para desvelar referentes nesta xenealoxía queer, resignificando e reocupando espazos emblemáticos. Unha nova oportunidade para descubrir a historia de persoas que cuestionaron co seu xeito de estar no mundo a norma sexual binaria imperante. Vidas que nos demostran que a sociedade foi e é máis diversa do que nos transmiten os relatos oficiais, devolvéndonos unha imaxe máis completa e xusta do noso territorio e do pasad
O roteiro é de balde e require inscrición previa en i.gal/corunadesviada. Neste pase de proba as prazas son moi limitadas, as persoas inscritas recibiredes un correo confirmándovos se tedes praza ou quedades na lista de agarda para as vindeiras oportunidades. Terá unha duración aproximada de 2,5h, e contaremos con alternativa pechada en caso de choiva. Máis información e dúbidas en info@rexenerando.com.
Vémonos o 19, para seguir ensanchando xuntes a mirada sobre o que fomos e podemos ser.
“A Coruña Desviada” está financiada ao abeiro da subvención a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2023 da Deputación da Coruña.