O martes 19 de decembro a memoria das disidencias sexuais tomou corpo nas rúas da Coruña. Máis de trinta persoas acompañáronnos neste pase inaugural de “A Coruña Desviada”, un paseo no que percorrer cen anos de historia da cidade, rescatando fitos, espazos e nomes que cuestionaron co seu xeito de estar no mundo a norma sexual binaria imperante.

Sete paradas, desde María Pita até Riazor, pasando pola igrexa de San Xurxo ou os Xardíns de Méndez Núñez, desde as que lembrar que o pasado (tamén o da Coruña, tamén o galego) está ateigado de vidas que saíron da norma, auténticos referentes para o movemento LGBT+, demostrando ás que loitan por unha sociedade diversa que nin foron as primeiras, nin serán as últimas. Pero coñecer esta historia é tamén importante para a sociedade no seu conxunto, ampliando o concepto de cidadanía e democracia a un lugar no que collan todas as maneiras de existir.

O paseo percorre estes sete lugares de memoria, que algún día deberán estar sinalados cunha placa que lembre os relatos disidentes que alí tiveron lugar. Mentres isto non acontece, fomos deixando en cada un deles etiquetas co QR a esta nova, e a mensaxe “A Coruña Desviada estivo aquí”. Pistas sixiolosas nun camiño de descuberta que quere ir sementando a curiosidade des veciñes da cidade.

Agardamos no 2024 poder convidarvos a moitos máis pases deste paseo. Porque temos o dereito a coñecer, e o deber de recordar.

*“A Coruña Desviada” é un proxecto de Rexenerando S. Coop. e Daniela Ferrández, financiado pola Deputación da Coruña. Coa imaxe gráfica de nadinagráfica e as fotografías de Noso Coop.