Bota a andar o LAB LGBT+ de Ferrolterra
Hoxe é un día importante na nosa cooperativa. Despois de meses de traballo interno, botou a andar publicamente o Laboratorio de Apoderamento LGBT+, o programa de diversidade sexual que promovemos neste 2024 co financiamento da Deputación da Coruña.
Segundo os últimos datos publicados polo Ministerio de Interior, as agresións por causa de orientación sexual ou identidade de xénero ocupan o primeiro posto entre a mocidade menor de 18 anos. A pesar de contar con lexislación e normativas que incorporan a realización de actividades dirixidas á comunidade escolar para a prevención de actitudes e comportamentos discriminatorios pola orientación sexual ou a identidade de xénero, soamente un terzo do alumnado LGBTIAQ+ sente liberdade á hora de expresarse sobre temas relacionados coa orientación sexual ou identidade de xénero.
O LAB LGBT+ nace neste contexto, como unha aposta pola creación de espazos educativos máis seguros e inclusivos, onde todo o estudantado, á marxe da súa identidade, expresión de xénero e/ou orientación sexual poida sentirse recoñecido e aceptado, e onde crear rede entre as administracións locais, docentes, familias e alumnado.
É un proxecto piloto de sensibilización das comunidades locais no respecto á diversidade sexual, inspirado na experiencia recente do Laboratorio de Apoderamento Lingüístico que promovemos no 2022. Aborda a cuestión da diversidade sexual incorporando ferramentas de xestión e facilitación de grupos, dando espazo á experiencia, motivación e necesidades da mocidade. Busca ademais tecer redes entre as administracións locais e as comunidades educativas, sendo conscientes de que esta tarefa precisa da corresponsabilidade e o liderado das persoas adultas de cada territorio.
Nesta primeira edición, o LAB conta coa participación de seis concellos e centros da comarca de Ferrolterra: Fene (IES de Fene), Ferrol (IES Catabois), Narón (IES Terra de Trasancos), Neda (IES Fernando Esquío), San Sadurniño (CPI San Sadurniño) e Valdoviño (CPI Atios).
Nos meses de setembro a decembro decorrerá a intervención do LAB nos espazos educativos. O proxecto ten entre os seus obxectivos a creación de espazos máis inclusivos para a mocidade LGBT+ das comarcas de Ferrolterra, a autoreflexión sobre os prexuízos a respecto da diversidade sexual, así como o deseño de prototipos de intervencións dinamizadoras para a creación dunha comunidade de activistas lgbt+, desenvolvidas pola propia mocidade de 4º ESO e 1º de BACH dos centros participantes , e que poidan servir de inspiración para os centros educativos e concellos participantes.
Promoveranse tamén formacións para docentes e familias de cada centro, e farase traballo específico co persoal técnico e político dos concellos participantes. Ademais contará coa colaboración e apoio de entidades que traballan activamente pola diversidade sexual, como a Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia.
O salón de plenos do Concello de Fene acolleu este 4 de setembro o acto de presentación, que contou con representación dos centros de ensino e concellos, así como da deputada de igualdade, Soledad Agra. Un primeiro paso ilusionante nun camiño para a articulación de redes neste territorio, que se apoien na necesaria tarefa de facer deste lugar do mundo un espazo comprometido coa diversidade sexual.
Irémosvos contando toda a información do proxecto na canle de instagram propia, @laboratorio_lgbt, e nas nosas redes sociais.
Máis información no dossier do proxecto.
* Actividade financiada pola Deputación da Coruña a través do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento en políticas de xénero.