LAB Lingua

Que é o lab lingua?
O Laboratorio de Apoderamento Lingüístico é un proxecto piloto de dinamización do uso da lingua e de xestión do conflito lingüístico. Nel cristalizan diversas experiencias previas que vimos desenvolvendo nos últimos anos na liña do apoderamento lingüísticos. Espazos onde as persoas toman consciencia da súa experiencia persoal co uso da lingua e o conflito lingüístico, póñeno en diálogo con outras, e dende ese intercambio activan a súa creatividade na procura de accións transformadoras para a lingua e a súa contorna.
Integra metodoloxías de innovación social e uso das TIC para a xeración dunha rede de mocidade comprometida coa lingua, que actúe como axente de mediación no conflito lingüístico e activación de falantes entre iguais. Traballamos a través de obradoiros vivenciais en aula e sesións intercentros para o prototipado de accións pola lingua, incorporando as ferramentas da facilitación de grupos. Apelamos a toda a comunidade educativa para tecer alianzas cos diferentes sectores que acompañan á mocidade. Realizouse unha edición piloto no 2022 para o repositorio Tece Redes en galego. O LAB Lingua foi recoñecido co Premio Mil Primaveras da CTNL no 2023.
Proxecto propio financiado pola convocatoria do repositorio TeCe Redes en galego, ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021/22.

Por que un laboratorio para a activación de falantes?
Nun contexto de emerxencia lingüística, este proxecto está dirixido especificamente a mocidade adolescente como potencial motor do cambio do conxunto da comunidade educativa. Poñemos o foco no alumnado de secundaria, nun momento evolutivo no que están a conformar os seus propios valores, a conciencia crítica e novas relacións, que aumentan co paso do instituto ao ámbito laboral ou aos estudos superiores.
Para iso, non nos limitamos á transmisión de contidos, fundamentais para tomar consciencia da importancia da preservación da diversidade lingüística no mundo, se non que traballamos na creación de espazos seguros nos que afondar na expresión e comprensión das ideas, prexuízos e emocións que están presentes en contextos de conflito lingüístico e, polo tanto, na nosa relación co galego. O obxectivo final é que das conclusións poidan emerxer propostas de acción e dinamización lingüística impulsadas por elas mesmas a partir da súa experiencia.
O Laboratorio quere ser un espazo de encontro no que a reflexión sobre a lingua poida ser tamén un medio para activar outros elementos da nosa identidade como persoas, en relación ao mundo, á nosa historia e ao noso territorio.

A quen vai dirixido?

Na edición prototipo do 2022, O LAB de Ferrolterra estivo dirixido a alumnado de 4º ESO e 1º Bach de catro centros da comarca.
Mais ao longo do tempo traballamos nesta mesma liña en diversos contextos educativos, adaptando as intervencións ás idades, perfís e recursos concretos: alumnado universitario; alumnado de secundaria etc.
Pode adaptarse a calquera colectivo de mocidade ou persoas adultas.
EDICIÓN 2022
A edición 2022 contou coas seguintes pezas:
- 1Coordinación e difusión do proxecto entre axentes locais para a selección de 4 grupos participantes.
- 2Obradoiros formativos presenciais dirixidos a alumnado de secundaria. 2 sesións de 100 minutos de duración cada unha. Na primeira, traballamos o concepto de diversidade lingüística dende o argumentario mais tamén dende a experiencia presente no grupo empregando técnicas como a enquisa sociolingüística en tempo real ou a biografías lingüística. Na segunda, desenvolvemos a metodoloxía do Foro Aberto para xerar un diálogo profundo e significativo que nos permita comprender mellor os posicionamentos que están por debaixo da diversidade de vivencias e experiencias sobre este tema.
- 3Sesión intercentros de prototipado de accións. As persoas interesadas xúntanse nunha mañá para idear colectivamente accións de activación de falantes para os seus contextos.
- 4Acto final de presentación das propostas e peche do proceso, con todos os axentes implicados.
- 5Plan comunicativo que inclúe identidade gráfica, vídeo, RRSS e prensa.
Outras accións relacionadas
A edición 2022 contou coas seguintes pezas:











