Paseos Desviados

Que son os Paseos Desviados?

Os Paseos Desviados son unha liña de traballo da cooperativa Rexenerando e a historiadora Daniela Ferrández para a divulgación da memoria das disidencias sexuais. Baixo a forma de roteiro, propoñemos un percorrido polas cidades de Ferrol e a Coruña no que coñecer a historia dalgunhas persoas e colectivos que cuestionaron a norma de xénero ao longo do século XX: as desviadas, escandaloses, vagos e maleantes.

Un proxecto co que incorporar referentes até o de agora invisibilizades, que faciliten unha comprensión máis completa da nosa cidade e do noso presente, así como a construción dun futuro máis libre e diverso.

Un exercicio de xustiza social e recoñecemento da valentía das que nos precederon, que viviron as súas vidas fóra da norma para que nós poidamos hoxe seguir loitando pola igualdade. Porque temos o dereito a coñecer e o deber de recordar.

O deseño destas rutas foi financiado pola Deputación da Coruña nos anos 2022 e 2023, ao abeiro do Programa de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais. Agora poden solicitarse pases autónomos por parte de calquera entidade pública ou privada.

  • Colaboración con: Daniela Ferrández

  • Ano: 2022 en diante

  • Categoría: Dereitos LGBT+, Memoria

  • Deseño gráfico: nadina gráfica

Proxecto propio financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de axudas a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais.

Por que abordar a memoria das disidencias sexuais?

Estes paseos están pensados como un exercicio de transferencia académica do coñecemento, partindo das investigacións de Daniela Ferrández, recollidas en obras como A defunción dos sexos. Cremos que estes contidos teñen un valor inconmensurable para as vidas, tanto para o colectivo LGBT+, como para o conxunto da cidadanía.

O concepto de “disidentes sexuais” permítenos crear unha representatividade total co que hoxe comprendemos como colectivo LGBT+. As siglas LGBT+ teñen un percorrido relativamente curto, mais as disidentes sexuais expresáronse de moitos xeitos, e é inevitable crear pontes con como comprendemos esas expresións hoxe en día. Mudar o foco cara o que todas as letras teñen en común, a súa disidencia sexual, permite pasar do individual ao colectivo, e construír xenealoxías enraizadas e significativas.

Divulgar este tipo de investigacións parte de contar unha suma de procesos a través de exemplos que van aparecendo e que nos permiten explicar este devir. Procesos que non foron lineais, que nos ensinan que os dereitos non veñen dados, senon que son o resultado dunha loita que chega até hoxe, e que demostran que as dissidentes existen, existiron e existirán, porque sempre que haxa unha moral sexual haberá xente á marxe dela.

A quen están dirixidos?

Os Paseos Desviados están dirixidos e público xeral e mocidade. Pode interesarche se…

  • Formas parte dun colectivo ou entidade que quere coñecer interesada en temática LGBT+, ou que quere coñecer máis da historia da cidade. 

  • Es docente dun grupo educativo de Educación Secundaria, Bacharelato, FP ou Universidade, e queres que o teu alumnado coñeza esta parte da nosa historia.

Ferrol Desviado

  • 7 paradas entre o Cantón Molíns e o Ateneo Ferrolán.
  • Duración entidades: 2h
  • Duración centros de ensino: 1,5h
  • 1

    Cantón Molíns, palco da música: introdución.

  • 2

    Cantón Molíns, alameda: disidentes sexuais a comezos do século XX. Teresita.

  • 3

    Teatro Jofre: transformismo escénico. Leopoldo Fregoli.

  • 4

    Rúa Dolores: golpe do 36. Manolo Santiso.

  • 5

    Praza Amboaxe: franquismo. O caso dos baños de Amboaxe.

  • 6

    Xardíns de Herrera: articulación dos primeiros colectivos. O caso dos mariñeiros.

  • 7

    Ateneo Ferrolán: organizacións nos anos 80. Os I Encontros Galegos de Feministas Lesbianas

A Coruña Desviada

  • 7 paradas entre a Praza de María Pita e a praia do Orzán.
  • Duración entidades: 2h
  • Duración centros de ensino. 1,5h
  • 1
    Praza de María Pita: introdución.
  • 2
    Igrexa de San Francisco: disidentes sexuais a comezos do século XX. Marcela e Elisa.
  • 3
    Teatro Colón: transformismo escénico. Sexilio. Teresita.
  • 4
    Rúa Socorro: golpe do 36. Caso Cervigón.
  • 5
    Xardíns de Méndez Núñez: franquismo e espazos de encontro.
  • 6
    Praza de Pontevedra: articulación dos primeiros colectivos. Stonewall galego e outros referentes.
  • 7
    Riazor / Orzán: o valor da memoria. Caso José María Sorrón e Samuel Luíz.

Interésame

Contacta connosco para coñecer tarifas e facer a túa reserva: