Laboratorio de Apoderamento LGBT+

Que é o LAB LGBT+?
O “Laboratorio de Apoderamento LGBT+” (LAB LGBT+) é un programa de carácter social que busca sensibilizar as comunidades locais no respecto á diversidade sexual, traballando de maneira específica coa mocidade. Nace como unha aposta pola creación espazos educativos máis seguros e inclusivos, onde todo o estudantado, á marxe da súa identidade, expresión de xénero e/ou orientación sexual poida sentirse recoñecido e aceptado.
Conscientes da necesidade dunha abordaxe integral desta cuestión, queremos ofrecer un servizo estable que apoie a xeración de espazos de calidade e redes nas vilas e pequenas cidades galegas, promovendo o apoderamento e o prototipado de accións entre pares para a transformación social.
Proxecto propio financiado pola Deputación da Coruña, ao abeiro do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas en políticas de xénero.
A quen está dirixido?
As súas accións están dirixidas principalmente á mocidade, alumnado de 4º ESO ou 1º BACH dos centros de ensino de secundaria dos concellos participantes. Con el, desenvolveremos varias sesións de traballo sobre diversidade sexual e dereitos LGBTI+ e o prototipado de accións dirixidas á sensibilización da súa comunidade educativa ou veciñanza. Isto favorecerá a implicación e a interiorización dos valores da igualdade e da diversidade, aumentando os impactos positivos no benestar emocional e académico do conxunto do alumnado.
Pero para acadar os seus obxectivos, o LAB LGBT+ interpela tamén aos concellos, cos que traballaremos nunha diagnose coa que identificar o traballo feito neste ámbito, facendo así que as accións propostas polo alumnado poidan integrarse nas súas estratexias e programacións. Ademais, dirixirémonos ao resto da comunidade educativa, con quen faremos accións de formación específicas.
O obxectivo último é xerar unha rede pola diversidade sexual que integre a todos estes axentes dos diferentes territorios.

Ademais, o LAB LGBT+

Edición 2024
A primeira edición do LAB involucrou a seis concellos da comarca de Ferrolterra (Fene, Ferrol, Narón, Neda, San Sadurniño e Valdoviño), e a seis centros de ensino destas localidades.
Desenvolveuse entre maio e decembro do 2024, e estas foron as súas accións principais:
- 1Acto de presentación pública do LAB, a través dun encontro de persoal político e técnico das áreas de igualdade dos concellos e docentes e persoal do equipo directivo dos centros implicados.
- 2Formación para docentes e familias, cunha sesión máis xeral sobre diversidade sexual, e unha máis específica sobre percepcións da mocidade e como acompañala neste eido.
- 3Obradoiros para alumnado de ESO e Bacharelato, incluíndo unha primeira sesión de marco xeral da diversidade para todo o alumnado, unha segunda con alumnado voluntario para explorar como é a nosa vivencia da diversidade sexual, e unha terceira de prototipado de accións para a sensibilización nesta materia.
- 4Gala final conxunta, onde o alumnado participante presentou as súas propostas ás responsables educativas e políticas de cada territorio. O espazo atendeu tamén á avaliación do programa e a cohesión das participantes.
Esta primeira edición foi posible grazas ao programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o mantemento de programas en políticas de xénero no ano 2024 da Deputación da Coruña, subvencionado nun 80%, cun importe de 22.458,75€.