Esta publicación-diagnose xurde do traballo de investigación participativa do Foro Identidades e Diversidades Sexuais 2022-2023 promovido polo Consello da Cultura Galega e realizado xunto coas compañeiras de Arabías. O informe dá conta do rigoroso traballo de recollida e análise de datos realizado sobre a realidade, necesidades e demandas das persoas LGBT+ na Galiza dende unha perspectiva intersectorial e de dereitos; estruturada, igual que o propio proceso, arredor de oito eixes de traballo (sanidade, servizos sociais, laboral, deportes, etc.) ofrece recomendacións claras para impulsar o recoñecemento e a inclusión real da diversidade LGBT+ nas políticas públicas galegas.
Con este traballo reforzamos o noso compromiso co fortalecemento da cultura da diversidade e a importancia de transversalizar os dereitos LGBTI+ nas políticas públicas. O resultado final é un documento único pola súa utilidade política e social, potencial base para o deseño e desenvolvemento de accións transformadoras cara unha igualdade real de todas, todos e todes.









