Foto de Habitar o conflito

En marzo de 2025 desenvolvemos para a Asociación Concomitentes unha formación interna a medida dirixida ao seu equipo técnico e ás mediadoras dos seus proxectos. A proposta, titulada Habitar o conflito, buscou introducir os fundamentos da facilitación e da xestión de grupos como ferramentas clave para o traballo colectivo en organizacións culturais.

A través de tres sesións virtuais de 3 horas, traballamos de forma teórico-práctica arredor de tres dimensións fundamentais: conflito, comunicación e poder. Achegamos marcos de análise como o Traballo de Procesos, e ferramentas para recoñecer dinámicas internas, mellorar a comunicación grupal e reflexionar sobre as posicións de poder e privilexio dentro dos equipos. As sesións combinaron contido expositivo, exercicios individuais e grupais e espazos dende os que compartir experiencias, nun formato deseñado á medida para a realidade profesional das participantes.

Desde Rexenerando deseñamos e coordinamos a proposta formativa, ofrecendo ao equipo de Concomitentes un espazo seguro para a reflexión conxunta, o intercambio de estratexias e a exploración de novos paradigmas organizativos desde os que habitar e coidar os procesos colectivos.