No marco do proxecto Renatur_Outes coordinamos e realizamos o traballo de campo para a recollida etnográfica de memorias asociadas ao río Tins no seu paso pola vila de Serra de Outes durante os meses de outubro e novembro de 2023. O obxectivo desta investigación era servir como base e apoio para o proceso de planificación estratéxica desta área, organizando e analizando as memorias de veciñas e veciños que coñecen de primeira man o territorio, incorporando ao traballo unha importante dimensión participativa. É tamén un exercicio de recoñecemento do valor das voces das persoas maiores, entendendo que os seus testemuños son moi relevantes para entender a fondo as transformacións e intervencións realizadas arredor do río Tins, así como os seus impactos.
Por medio deste proceso contribuímos a integrar as memorias e as propostas da comunidade local nun proxecto de intervención estratéxica sobre o territorio, incorporando a dimensión da participación cidadá.
Renatur_Outes contou co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR) financiado pola Unión Europea – NextGeneration.









