Foto de O Padrón rural en imaxes

“O Padrón rural en imaxes” foi un proceso de formación e creación arredor da fotografía antiga e contemporánea desenvolvido en colaboración coa fotógrafa Verónica Ramilo. A través da fotografía, o proxecto convidaba a veciñanza de Padrón a mirar o seu territorio, recuperar memorias e construír colectivamente novos relatos sobre o rural e as formas de vida que o conforman.

Ao longo do proceso, as participantes formáronse en alfabetización visual, fotografía analóxica e dixital e traballo de campo, combinando aprendizaxe e investigación sobre o territorio. Tamén visitaron o Arquivo Fotográfico Vidal, albergado no Museo do Mar de Laxe, como punto de partida para achegarse a outras formas de documentar e conservar a memoria a través da imaxe.

A partir das fotografías realizadas e do traballo colectivo, creouse unha exposición que recollía unha mirada propia sobre os oficios, as construcións e paisaxes, os ritos e as festas de Padrón, que foi presentada nun encontro aberto á veciñanza, acompañado dunha conversa participativa arredor das imaxes, das memorias e das transformación do territorio.