O Ferrol Desviado toma a rúa
O próximo sábado 3 de decembro verá a luz a nosa última criatura, soñada e modelada da man da historiadora e activista Daniela Ferrández.
Ferrol Desviado é un paseo pola memoria das disidencias sexuais na cidade, un roteiro para descubrir a historia de persoas que cuestionaron co seu xeito de estar no mundo a norma sexual binaria imperante. Vidas que nos demostran que a sociedade foi e é máis diversa do que nos transmiten os relatos oficiais, devolvéndonos unha imaxe máis completa e xusta de Ferrol e do pasado.
Financiado pola Deputación da Coruña, este roteiro terá o seu pase inaugural o vindeiro sábado 3 de decembro entre as 10:30 e as 13h. Do Cantón Molíns ao Ateneo Ferrolán, a través oito paradas percorreremos máis de cen anos de memoria das disidentes sexuais, abordando aspectos como a represión das disidencias no espazo público, os contextos de permisividade no primeiro terzo do século XX, as tácticas de resistencia no franquismo ou a organización e construción de comunidade a partir dos anos 70. Todo a través de nomes, historias e lugares vinculados coa cidade de Ferrol.
Neste pase inaugural contaremos coa colaboración de entidades como Avante LGBT+ Ferrolterra e o propio Ateneo, ademais de persoas que co seu testemuño nos axudarán a reconstruír este relato silenciado. A actividade está dirixida a público xeral, é de balde e as prazas son limitadas. É precisa inscrición previa en info@rexenerando.com.
Recompoñendo a xenealoxía LGBT+
Nas diferentes paradas da ruta teremos a oportunidade de descubrir referentes nesta xenealoxía, resignificar espazos emblemáticos da cidade ou achegarnos a documentos e imaxes inéditos. Estes contidos forman parte da investigación de Daniela Ferrández, autora entre outras publicacións de A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea (Xerais, 2022). Para recompoñer este relato apóiase en fontes históricas como a prensa e os arquivos, e tamén outras vías que permiten mesmo ás protagonistas deste relato expresarse en primeira persoa: cartas, declaracións en xuízos e entrevistas con referentes que aínda viven.
Recuperar e divulgar a memoria das disidencias sexuais é importante para os colectivos LGBT+, que precisan delas para construír as súas xenealoxías. Isto é, que as persoas sexan capaces de ollarse no pasado, de encontrar nel referentes de loita, de vida, ou de simple existencia. Rescatar referentes demostra ás que loitan por unha sociedade diversa que nin foron as primeiras nin serán as últimas.
Porén, coñecer esta historia é tamén importante para a sociedade no seu conxunto: só poderemos desfrutar dunha democracia plena cando o noso concepto de cidadanía inclúa a todas. O silenciamento das historias de disidentes sexuais nos relatos que nos chegan sobre o pasado configura unha ollada limitada cara ao pasado e o presente que, na procura dunha sociedade máis democrática é preciso ampliar.
Agardamos que Ferrol Desviado constitúa un pasiño máis neste camiño de ensanchar a nosa mirada sobre o que fomos e podemos ser.
Vémonos o día 3!
* Ferrol Desviado conta co financiamento da Deputación da Coruña a través da liña de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para a realización de actividades culturais.