Nin sequera abordamos na asemblea da cooperativa se o 8 de marzo parabamos ou non: a decisión forma parte dun acordo tácito entre compañeiras de proxecto que temos no feminismo un eixo vertebrador das nosas vidas. Cambiamos un obradoiro que nos pedían impartir ese día, reorganizamos o traballo, e preparámonos para un día de folga, libres e conscientes. As reflexións de días esgotadores, os esforzos por conciliar o traballo coa vida e colocarnos no centro a nós mesmas, atopan unha fenda para emerxer e permitirnos mirar desde o alto, como as aves, o momento no que atopamos.

Sorteando a voráxine dos traballos e as vidas, quixemos darlle espazo colectivamente a indagar e compartir 8 motivos polos que tamén nós paramos o vindeiro 8 de marzo:

  1. Para rexenerar os corpos, marxinados, ríxidos, casas primeiras que nos permiten seguir camiñando e mantendo os nosos proxectos vitais.
  2. Para denunciar as violencias que sufrimos a diario todas as persoas que vivimos nas marxes definidas polo capitalismo heteropatriarcal. Para berrar porque nos están matando e queremos deixar de ter medo.
  3. Para ter dereito a existir, a ser corpo, a ter voz. A ter un lugar no mundo, un lugar no traballo, un lugar na casa, un lugar nas relacións.
  4. Para podermos vivir do noso traballo e que ese traballo non contribua a destruir o planeta. Para rachar cos teitos de cristal, e coa lóxica biocida da economía.
  5. Para que o vulnerable sexa o urxente e o importante, e non termos que vivir escindidas entre os coidados e o sustento.
  6. Para tomar alento e permitirnos conectar co que importa. Cos nosos soños, coa nosa vida, coas cousas e persoas que nos confortan.
  7. Para honrar ás que nos precederon. As que loitaron para que puideramos erguernos e parar, e ás que non chegaron a poder facelo.
  8. Para recoñecernos como parte dunha comunidade consciente e resiliente, que constrúe un mundo máis libre para nós e para as de hoxe e para as de mañá.

Cada unha de nós, aliadas nesta nao rexenerativa, imaxina o seu 8 de marzo de maneiras diversas. Paseando pola praia, amasando doces de antroido, cantando, escribindo, non facendo nada. Manifestándonos. Pero todos os nosos 8, infinitos, están cheos de resistencia, ilusión e urxencia.

Fica pendente o reto de como levar ese osíxeno ao resto dos días do ano. E especialmente dentro do mundo cooperativo, en proxectos que nacen para darlle unha resposta alternativa ao mundo do traballo, nos que as persoas nos poidamos desenvolver e soster sen pasar por riba dos nosos propios corpos.

O camiño é longo, pero este 8 estaremos un pouquiño máis perto do soño, celebrando e reivindicando esta data transformadora.

 

*A ilustración é un fragmento do cartel do Concello de Ferrol para o 8M, deseñada pola artista ferrolá Elga Fernández Lamas.